miércoles, 15 de julio de 2009

Horarios do Debrúzate a San Cibrán

O próximo domingo 19 de xullo realizarase un novo Debrúzate, desta vez até o alto do monte de San Cibrán, en Guláns.

O percorrido arrancará de Ponteareas, da Praza da Igrexa, ás 09:30h, e irarse até Moreira pola beira do Tea para comezar a subir por Cristiñade e Guláns. O percorrido é de dificultade alta, cunha extensión aproximada de 14 quilómetros.

Ao remate do percorrido xantarase, por conta propia, na área recreativa que está no cumio do monte.

Contamos contigo!
Ven a coñecer o noso patrimonio!!
Debrúzate con nós!!!

miércoles, 1 de julio de 2009

Tarde calurosa no Debrúzate a Fozara


Foi unha tarde certamente calurosa, pero moi agradable.

A primeira parte do percorrido, a través do Castro de Fozara, fíxose moi ben pola sombra das árbores e a segunda foi excepcional, polo paseo á beira do Tea até as pozas das Pías. Alí xa foi o momento de refrescarnos todos...todos á auga!!


E agora xa imos pensando no próximo, a San Cibrán, o día 19 de xullo.

domingo, 7 de junio de 2009

Debrúzate a Fozara, 20 de xuño

Aquí está o novo percorrido previsto, a Fozara o día 20 de xuño.

Visitaremos o Castro de Fozara e as Pozas do Río Tea. Patrimonio cultural e natural, unha vez máis xuntos.

Os horarios previstos son os seguintes:

Quedamos ás 18:00h na Estación de Autobuses de Ponteareas ou ás 18:30h no campo de fútbol de Fozara.

O percorrido é de dificultade media-baixa.

Máis información nos próximos días.

lunes, 25 de mayo de 2009

Pese a choiva, éxito do Debrúzate a Ribadetea


A pesar da choiva e da tarde pouco apetitosa que se presentou o pasado sábado, foron case 50 as persoas que nos acercamos até Ribadetea, para descubrir parte do noso patrimonio, material e natural.


Está escondido baixo séculos de transformacións, de todo tipo, pero alí segue, na súa posición privilexiada, este Castro da Croa, que debeu ser lugar de destacada importancia "porque non se protexe tanto algo que non ten valor", dicía Rafa Gutiérrez.


O Castro da Croa conta cun interesantísimo conxunto de foxos e parapetos, bordeando en todos os ventos ao recinto habitado, excepto na beira do Tea, e crese que foi explotación mineira de gran valor.


A visita, en parte condicionada pola choiva, e tormenta, resultou agradable a pesar de todo. ´


Saíndo do campo de fútbol de Ribadetea, visitamos as inmediacións da Croa, subindo ao recinto habitado hai máis de dous mil anos, para logo volver pola beira do Tea, momento que se corresponde coa imaxe.


Dámos desde aquí as grazas aos asistentes e animámosvos, xa, a participar nos próximos percorridos.


domingo, 17 de mayo de 2009

Nota de prensa sobre o Debrúzate a Ribadetea

Nota de prensa, 16 de maio de 2009

A ORGANIZACIÓN TEN XA PREVISTOS OS PERCORRIDOS DE XUÑO E XULLO
O Castro da Croa e o Río Tea en Ribadetea serán o destino do próximo Debrúzate

As asociacións Adenco, Galiza Nova e MZS organizan un novo roteiro dentro do programa Debrúzate, que se desenvolverá o próximo sábado 23 de maio, con saída ás 16:00h da Estación de Autobuses de Ponteareas, ou ás 16:30h no Campo de Fútbol de Ribadetea.
O Castro da Croa está ás beiras do Río Tea e conta cunha estructura singular e pouco habitual, ao atoparse fortificado con paredes de máis de 25 metros de altura. Semella unha torre no medio do monte, franqueado por un dos seus ventos polas augas do Tea.

Este asentamento castrexo, descoñecido por moitos, atópase sen excavar e está rodeado, á súa vez, polos restos dunha explotación aurífera romana, da que quedan restos evidentes.

O percorrido é de dificultade baixa e durante a súa execución daranse as oportunas explicacións polo arqueólogo e socio de Adenco Rafael Gutiérrez. A pouca dificultade e a lonxitude do percorrido fano apropiado para nenos e maiores.

CALENDARIO DE DEBRÚZATES
A organización de Debrúzate xa ten datas para as dúas próximas citas. Serán o 20 de xuño, día no que se visitará o Castro de Fozara e a zona das Pías do Río Tea, conxugando o patrimonio castrexo e a Rede Natura 2000, e o 19 de xullo, co maior Debrúzate até o momento, partindo de Ponteareas e rematando en San Cibrán, onde organizará un xantar popular, con 14 quilómetros de extensión, visitando as parroquias de Angoares, Moreira e Cristiñade.

Galiza Nova, MZS e Adenco deseñan así un programa de actividades para os próximos meses que intenta, na medida das posibilidades dos organizadores, suplir a carencia de actividades lúdicas e culturais no Concello de Ponteareas, ao tempo que se pon en valor o noso patrimonio, en todas as súas vertentes.

miércoles, 6 de mayo de 2009

Cartel dos seguintes debrúzates


Aquí está o cartel do seguinte debrúzate...

Calendario de novos percorridos

Xa temos aquí o calendario dos próximos Debrúzates. A tres meses vista, para que preparedes as vosas axendas e que saiades con nós a desfrutar do noso patrimonio natural, cultural e inmaterial.

O primeiro dos percorridos será o 23 de maio, por Ribadetea. Visitaremos o Castro da Croa, nunha visita guiada a través dunha explotación aurífera romana ao pé do Río Tea. Unha visita imprescindible, como todas, para coñecer o noso patrimonio, rico e variado.

Os seguintes Debrúzates serán o 20 de xuño, a Fozara, e o 19 de xullo, nun gran Debrúzate, entre Ponteareas e o monte de San Cibrán, onde celebraremos un xantar popular. Pero destes outros percorridos iremos informando pouco a pouco.

lunes, 13 de abril de 2009

Traballando nos novos percorridos

Despois dos meses de inverno, xa estamos preparando os novos percorridos. Estamos cerrando os últimos detalles e en breve presentaremos o programa de roteiros a tres meses vista, para que vaias reservando os días na túa axenda!!

Non desesperes!!

viernes, 16 de enero de 2009

Que é Debrúzate? Un post que explica o que pretendemos

A INICIATIVA PRETENDE PÓR EN VALOR O NOSO PATRIMONIO A TRAVÉS DE VISITAS GUIADAS
DEBRÚZATE: descubrindo o noso patrimonio cultural, natural e inmaterial
As organizacións Adenco, Galiza Nova e Mzs, iniciaron en abril de 2008 unha actividade, Debrúzate, coa vista posta no futuro, pero coa partida no pasado. Debrúzate nace como un convite de fin de semana, desexa botar unha ollada pola ventá do noso País e é o noso desexo abrir as contras e deixar que a nosa riqueza patrimonial e paisaxística nos asolague.

É a nosa querencia percorrer aqueles puntos máis interesantes e atractivos das nosas parroquias, tanto dende o punto de vista arqueolóxico como medioambiental. Hoxe, despois de ter efectuado xa cinco roteiros guiados por espazos diferentes, algúns moi coñecidos e outros non tanto, o balanzo é enormemente positivo.


Aínda queda moito por ver pero está no ánimo da organización continuar adiante tanto tempo como a sociedade pontareá o demande, seguramente outro ano máis, de maneira que poñamos ao alcance de todos os que se sumen a estas camiñadas lugares que doutro xeito case con seguridade non visitarían.


O espírito e a filosofía que inspira á esta iniciativa non é outro que o de dar a coñecer a enorme e variada riqueza patrimonial e medioambiental que existe no termo municipal de Ponteareas. Os 125 quilómetros cadrados que suman as vinte e catro parroquias do noso concello albergan unha inxente cantidade de vestixios arqueolóxicos, de elementos etnográficos, de mostras propias da arquitectura popular, de lugares cun alto valor medioambiental .


Os percorridos que se organizan dende DEBRÚZATE non buscan máis que divulgar e promocionar aquilo que temos máis perto e que en moitas ocasións é un perfecto descoñecido. A difusión do noso patrimonio facilitará que o gran público sexa coñecedor do que ten máis perto, do seu valor intrínseco e da importancia de que se conserve e poña de actualidade. A sociedade demanda, cada vez máis, o acceso e a comprensión desa riqueza cultural e é consciente da necesidade da súa protección.


O noso único interese é buscar, e acadar, a implicación emocional e afectiva das persoas, en atopar fórmulas ou modelos que contribúan a unha maior eficacia dos esforzos e das accións encamiñadas precisamente a protexer, conservar e difundir o patrimonio cultural, sexa material ou inmaterial.


Con esta actividade de pleno contacto e interacción co entorno que nos rodea achegámonos un pouco máis ao coñecemento e respecto polo que forma parte do noso acervo cultural, por aquilo que nos identifica dende o pasado pero tamén que nos coloca nunha posición de futuro.


Percorridos xa realizados
Abril de 2008- Debruzate á Cillarga (Ribadetea)- túmulos megalíticos e entorno paisaxístico.
Xuño de 2008-Debrúzate a Angoares- xacementro castrexo, peto de animas, río Tea e río Uma.
Xullo de 2008-Debrúzate ao castro de Troña (Pías)- castro de Troña.
Novembro de 2008- Debrúzate aos Muíños de Couso (Guláns)- patrimonio etnográfico recuperado.
Xaneiro de 2009- Debrúzate as Chans do campo do Mouro (Guillade)- necrópole megalítica, apiarios.