viernes, 16 de enero de 2009

Que é Debrúzate? Un post que explica o que pretendemos

A INICIATIVA PRETENDE PÓR EN VALOR O NOSO PATRIMONIO A TRAVÉS DE VISITAS GUIADAS
DEBRÚZATE: descubrindo o noso patrimonio cultural, natural e inmaterial
As organizacións Adenco, Galiza Nova e Mzs, iniciaron en abril de 2008 unha actividade, Debrúzate, coa vista posta no futuro, pero coa partida no pasado. Debrúzate nace como un convite de fin de semana, desexa botar unha ollada pola ventá do noso País e é o noso desexo abrir as contras e deixar que a nosa riqueza patrimonial e paisaxística nos asolague.

É a nosa querencia percorrer aqueles puntos máis interesantes e atractivos das nosas parroquias, tanto dende o punto de vista arqueolóxico como medioambiental. Hoxe, despois de ter efectuado xa cinco roteiros guiados por espazos diferentes, algúns moi coñecidos e outros non tanto, o balanzo é enormemente positivo.


Aínda queda moito por ver pero está no ánimo da organización continuar adiante tanto tempo como a sociedade pontareá o demande, seguramente outro ano máis, de maneira que poñamos ao alcance de todos os que se sumen a estas camiñadas lugares que doutro xeito case con seguridade non visitarían.


O espírito e a filosofía que inspira á esta iniciativa non é outro que o de dar a coñecer a enorme e variada riqueza patrimonial e medioambiental que existe no termo municipal de Ponteareas. Os 125 quilómetros cadrados que suman as vinte e catro parroquias do noso concello albergan unha inxente cantidade de vestixios arqueolóxicos, de elementos etnográficos, de mostras propias da arquitectura popular, de lugares cun alto valor medioambiental .


Os percorridos que se organizan dende DEBRÚZATE non buscan máis que divulgar e promocionar aquilo que temos máis perto e que en moitas ocasións é un perfecto descoñecido. A difusión do noso patrimonio facilitará que o gran público sexa coñecedor do que ten máis perto, do seu valor intrínseco e da importancia de que se conserve e poña de actualidade. A sociedade demanda, cada vez máis, o acceso e a comprensión desa riqueza cultural e é consciente da necesidade da súa protección.


O noso único interese é buscar, e acadar, a implicación emocional e afectiva das persoas, en atopar fórmulas ou modelos que contribúan a unha maior eficacia dos esforzos e das accións encamiñadas precisamente a protexer, conservar e difundir o patrimonio cultural, sexa material ou inmaterial.


Con esta actividade de pleno contacto e interacción co entorno que nos rodea achegámonos un pouco máis ao coñecemento e respecto polo que forma parte do noso acervo cultural, por aquilo que nos identifica dende o pasado pero tamén que nos coloca nunha posición de futuro.


Percorridos xa realizados
Abril de 2008- Debruzate á Cillarga (Ribadetea)- túmulos megalíticos e entorno paisaxístico.
Xuño de 2008-Debrúzate a Angoares- xacementro castrexo, peto de animas, río Tea e río Uma.
Xullo de 2008-Debrúzate ao castro de Troña (Pías)- castro de Troña.
Novembro de 2008- Debrúzate aos Muíños de Couso (Guláns)- patrimonio etnográfico recuperado.
Xaneiro de 2009- Debrúzate as Chans do campo do Mouro (Guillade)- necrópole megalítica, apiarios.

lunes, 12 de enero de 2009

jueves, 8 de enero de 2009

Inauguración dos Muíños de Couso

Por alí fixemos un Debrúzate. Agora toca o acto oficial. Se queredes participar, estes son os horarios:

DOMINGO 11 DE XANEIRO DE 2009

10:30h.- Presentación e intervencións das autoridades

11:30h.- Visita guiada aos muíños

13:00h.- Aperitivo e viño

ORGANIZA: ASOCIACIÓN CULTURAL SAN MARTIÑO DE COUSO

lunes, 5 de enero de 2009

Chan do Campo do Mouro, Guillade

Horarios definitivos:

Ás 15:45h, na Estación de Autobuses de Ponteareas
Ás 16:00h, percorrido guiado pola necrópole megalítica da Chan do Campo do Mouro, en Guillade.

Debrúzate con nós!

viernes, 2 de enero de 2009

Debrúzate a Guillade, sábado 10 de Xaneiro


O próximo sábado 10 de Xaneiro terá lugar o primeiro Debrúzate do 2009, á parroquia de Guillade, rica en patrimonio cultural, inmaterial e natural.

En Guillade volveremos ao mundo megalítico, visitando un impresionante campo de mámoas, pouco coñecidas, pero que nos acercaran a unha forma de vida que deixou a súa pegada nas nosas terras con estas tumbas comunais case descoñecidas.


O punto de encontro será a estación de autobuses de Ponteareas ás 16:00h, para dirixirnos a Guillade a continuación.


Esperámoste!


Adenco, Galiza Nova e MZS