lunes, 23 de junio de 2008

Debrúzate ao Castro de Troña: domingo 13 de Xullo


Coñeces o Castro de Troña?? Foches algunha vez a unha visita guiada a un poboado castrexo??? Queres coñecer como vivía unha sociedade de fai miles de anos nun cruce de camiños como Troña????

Pois todo isto e moito máis no próximo Debrúzate a Troña, que celebraremos o próximo domingo 13 de Xullo. Será na mañá do domingo, actividade que se complementará cunha pequena charla introductoria.

Troña está agora, desgraciadamente, de actualidade. Movementos de terra no seu perímetro de protección puideron danar irremediablemente un lugar cun valor incalculable.

Son miles os visitantes do lugar ao longo de todo o ano, galegos e estranxeiros, que, atraídos pola importancia do Castro, acaban decepcionados, como se pode ver no libro de visitas, ante o espectáculo que ofrece o abandono, a maleza, as mimosas e os eucaliptos modificando a paisaxe natural do lugar, ...

Descubre Troña con nós.
Debrúzate ao Castro de Troña o próximo domingo 13 de Xullo.


Pronto colgaremos os horarios da xornada. Atentos ao blog!

martes, 10 de junio de 2008

Éxito do Debrúzate a Angoares


Nunha fantástica tarde, máis de cincuenta persoas, percorreron os camiños e corredoiras de Angoares para descubrir un románico único no País, un fermoso río e os seus muíños, un Río cheo de luz que forma parte da Rede Natura 2000, ...


A visita a Angoares, unha pequena parroquia ao pé do Concello de Ponteareas, xuntou a ducias de persoas, de Ponteareas e de fóra, que camiñaron máis de tres horas pola zona atendendo ás explicacións da organización.


Visitouse a Igrexa de Angoares, punto de partida e remate do roteiro, incluíndo unha visita ao interior do templo, un exemplo do pulcro románico e con características únicas no País. Un fantástico arranque, un lugar cheo de encantos, reutilizado dende hai séculos, erixida no lugar no que no seu día houbo un mosteiro, como nos sinala tamén a toponimia do lugar.


Da igrexa ao Río Uma e á Ponte do Cabalón, un lugar fresco, fermoso, có paso da auga de fondo...

O paseo baixo os amieiros, carballos, freixos, abeleiras foi agradable, pasando polas numerosas levadas das que daban conta os numerosos muíños do lugar.


Ao chegar á desembocadura subimos polo Tea até o Castro de Angoares. Ponteareas estaba a tiro de pedra, pero moitos dos visitantes descoñecían que alí houbese un castro. Foron numerosas as preguntas que contestou Rafa Gutiérrez, ao pé do foxo do Castro, un exemplo do esforzo das sociedades da época.


Logo, de camiño á Igrexa pasamos xunto a tres petos de ánimas, deténdonos no último, no de A Abelleira, un peto sen dúbida singular polo que recolle a súa iconografía.


Xa era hora de rematar, logo de chegar de novo á Igrexa. Xa estamos traballando no próximo Debrúzate, en Xullo, para volver, despois de descansar en Agosto, en Setembro.

martes, 3 de junio de 2008

Debrúzate a Angoares

O próximo sábado 7 de Xuño, con saída da Igrexa de Angoares ás 17h, dará comezo o segundo roteiro guiado enmarcado no Programa Debrúzate, que coorganizan Adenco, Galiza Nova e MZS.

O percorrido, dunha dificultade baixa e unhas tres horas de duración, acercará, unha vez máis, aos asistentes o noso patrimonio natural e cultural, desta vez na parroquia de Angoares, ao pé da Vila de Ponteareas e case descoñecida para a maioría dos seus habitantes.

O percorrido, partindo da Igrexa de Angoares, única no País pola súa estrutura, chegará ao Río Uma, na zona do Cabalón, lugar no que nos espera unha fermosa ponte de tres arcos e varios muíños. Río abaixo poderemos desfrutar dun Lugar de Interese Comunitario que forma parte da Rede Natura 2000, con multitude de muíños e paisaxes fermosísimas.

Na parte final do percorrido achegarémonos ao Castro de Angoares e aos petos de ánimas da parroquia, acabando o roteiro no mesmo punto de partida.

Esperámoste!