lunes, 25 de mayo de 2009

Pese a choiva, éxito do Debrúzate a Ribadetea


A pesar da choiva e da tarde pouco apetitosa que se presentou o pasado sábado, foron case 50 as persoas que nos acercamos até Ribadetea, para descubrir parte do noso patrimonio, material e natural.


Está escondido baixo séculos de transformacións, de todo tipo, pero alí segue, na súa posición privilexiada, este Castro da Croa, que debeu ser lugar de destacada importancia "porque non se protexe tanto algo que non ten valor", dicía Rafa Gutiérrez.


O Castro da Croa conta cun interesantísimo conxunto de foxos e parapetos, bordeando en todos os ventos ao recinto habitado, excepto na beira do Tea, e crese que foi explotación mineira de gran valor.


A visita, en parte condicionada pola choiva, e tormenta, resultou agradable a pesar de todo. ´


Saíndo do campo de fútbol de Ribadetea, visitamos as inmediacións da Croa, subindo ao recinto habitado hai máis de dous mil anos, para logo volver pola beira do Tea, momento que se corresponde coa imaxe.


Dámos desde aquí as grazas aos asistentes e animámosvos, xa, a participar nos próximos percorridos.


domingo, 17 de mayo de 2009

Nota de prensa sobre o Debrúzate a Ribadetea

Nota de prensa, 16 de maio de 2009

A ORGANIZACIÓN TEN XA PREVISTOS OS PERCORRIDOS DE XUÑO E XULLO
O Castro da Croa e o Río Tea en Ribadetea serán o destino do próximo Debrúzate

As asociacións Adenco, Galiza Nova e MZS organizan un novo roteiro dentro do programa Debrúzate, que se desenvolverá o próximo sábado 23 de maio, con saída ás 16:00h da Estación de Autobuses de Ponteareas, ou ás 16:30h no Campo de Fútbol de Ribadetea.
O Castro da Croa está ás beiras do Río Tea e conta cunha estructura singular e pouco habitual, ao atoparse fortificado con paredes de máis de 25 metros de altura. Semella unha torre no medio do monte, franqueado por un dos seus ventos polas augas do Tea.

Este asentamento castrexo, descoñecido por moitos, atópase sen excavar e está rodeado, á súa vez, polos restos dunha explotación aurífera romana, da que quedan restos evidentes.

O percorrido é de dificultade baixa e durante a súa execución daranse as oportunas explicacións polo arqueólogo e socio de Adenco Rafael Gutiérrez. A pouca dificultade e a lonxitude do percorrido fano apropiado para nenos e maiores.

CALENDARIO DE DEBRÚZATES
A organización de Debrúzate xa ten datas para as dúas próximas citas. Serán o 20 de xuño, día no que se visitará o Castro de Fozara e a zona das Pías do Río Tea, conxugando o patrimonio castrexo e a Rede Natura 2000, e o 19 de xullo, co maior Debrúzate até o momento, partindo de Ponteareas e rematando en San Cibrán, onde organizará un xantar popular, con 14 quilómetros de extensión, visitando as parroquias de Angoares, Moreira e Cristiñade.

Galiza Nova, MZS e Adenco deseñan así un programa de actividades para os próximos meses que intenta, na medida das posibilidades dos organizadores, suplir a carencia de actividades lúdicas e culturais no Concello de Ponteareas, ao tempo que se pon en valor o noso patrimonio, en todas as súas vertentes.

miércoles, 6 de mayo de 2009

Cartel dos seguintes debrúzates


Aquí está o cartel do seguinte debrúzate...

Calendario de novos percorridos

Xa temos aquí o calendario dos próximos Debrúzates. A tres meses vista, para que preparedes as vosas axendas e que saiades con nós a desfrutar do noso patrimonio natural, cultural e inmaterial.

O primeiro dos percorridos será o 23 de maio, por Ribadetea. Visitaremos o Castro da Croa, nunha visita guiada a través dunha explotación aurífera romana ao pé do Río Tea. Unha visita imprescindible, como todas, para coñecer o noso patrimonio, rico e variado.

Os seguintes Debrúzates serán o 20 de xuño, a Fozara, e o 19 de xullo, nun gran Debrúzate, entre Ponteareas e o monte de San Cibrán, onde celebraremos un xantar popular. Pero destes outros percorridos iremos informando pouco a pouco.