martes, 29 de julio de 2008

Descansando no verán...


Imos a deixar pasar estes días de calor (ou iso era antes e agora pode ser que chova ou faga frío?) para volver con máis ganas aínda en Setembro. Estamos, pese ao calor, traballando en novas iniciativas, en roteiros máis interesantes se cabe, máis novidades de cara á próxima tempada de Debrúzate.

Esperamos e desexamos que aproveites o verán para coñecer os nosos fermosos lugares, a nosa paisaxe natural e cultural e que non faltes ás próximas edicións.


Contamos contigo. Debrúzate con nós!!

martes, 15 de julio de 2008

Debruzámonos a Troña

A visita guiada ao Castro de Troña estaba claro que era apetecible. Foi o primeiro roteiro monográfico que facíamos, mesmo un domingo pola mañá, pero a resposta do público, foi, como o de até agora, moi positiva. Ducias de persoas acercáronse a descubrir unha xoia do castrexo galego, primeiro á charla e logo ao Castro, subindo polo via crucis (pero non de xeonllos!)


A charla, magnificamente guiada por Rafa Gutiérrez, abriu boca do que nos esperaba no cumio do monte. Un castro de medias dimensións con lugares realmente sorprendentes, como as escaleiras das pequenas rúas, o petroglifo, ...


Descubrimos tamén a lenda da serpe de Troña, acercámonos a un xeito de vida difícil de imaxinar, fai máis de 2000 anos. Intentamos trasladarnos ao tempo no que non había especies alóctonas que dificultasen a privilexiada visión que dende o Castro tiñan os seus moradores. Preguntamos que comía esa xente, como vivía, como eran as súas casas, se eran uns pobos combativos ou non, ...


En definitiva, acercámonos a unha cultura que deixou unha considerable pegada na nosa Terra e que aínda hoxe podemos desfrutar, cando non, literalmente descubrir.


Agora Debrúzate esperará ao Outono para retomar os roteiros guiados por outros lugares, por outras parroquias de Ponteareas, para descubrir o noso patrimonio natural e cultural.


Contamos contigo!!



lunes, 7 de julio de 2008

Ven en bici ao Debrúzate a Troña!!

Unha viaxe ao pasado no vehículo do futuro!

O domingo 13 de Xullo, como complemento do Debrúzate en si mesmo, programouse unha marcha en bici até Pías, dende Mondariz Balneario.

A saída está prevista para as 10:45h dende o aparcamento do Colexio Cemar, na saída de Mondariz Balneario. Será un agradable e corto paseo até o Teleclube de Pías, onde se realizará a charla previa á visita guiada ao Castro de Troña.

Dende a organización animámosvos a acercarvos en bici ao Debrúzate. Se sodes de Mondariz ou Mondariz Balneario, é o medio de transporte ideal para esta actividade!

Vémonos na bici, vémonos no Debrúzate!!

jueves, 3 de julio de 2008

Programa do Debrúzate a Troña

O próximo domingo 13 de Xullo debruzarémonos a Troña. O programa será máis completo que nos anteriores Debrúzates, completándose cunha charla introductoria.
A visita pretende acercar o mundo castrexo á xente en xeral e, en particular, descubrir un lugar de fantasía, cheo de beleza, encanto e importancia como é o Castro de Troña, un dos máis importantes, sen dúbida, de Pontevedra.

O programa é o que sigue:

Ás 11:30h, no Teleclube de Pías, charla sobre o Castro de Troña, duns 40 minutos de duración.
A continuación subiremos a pé ao Castro, para, a continuación, realizar unha visita guiada ao lugar.

Sobre ás 13:45h está previsto que remate a actividade.

Anímate! Participa e difunde a actividade entre os teus coñecidos. Vémonos en Troña!!