martes, 10 de junio de 2008

Éxito do Debrúzate a Angoares


Nunha fantástica tarde, máis de cincuenta persoas, percorreron os camiños e corredoiras de Angoares para descubrir un románico único no País, un fermoso río e os seus muíños, un Río cheo de luz que forma parte da Rede Natura 2000, ...


A visita a Angoares, unha pequena parroquia ao pé do Concello de Ponteareas, xuntou a ducias de persoas, de Ponteareas e de fóra, que camiñaron máis de tres horas pola zona atendendo ás explicacións da organización.


Visitouse a Igrexa de Angoares, punto de partida e remate do roteiro, incluíndo unha visita ao interior do templo, un exemplo do pulcro románico e con características únicas no País. Un fantástico arranque, un lugar cheo de encantos, reutilizado dende hai séculos, erixida no lugar no que no seu día houbo un mosteiro, como nos sinala tamén a toponimia do lugar.


Da igrexa ao Río Uma e á Ponte do Cabalón, un lugar fresco, fermoso, có paso da auga de fondo...

O paseo baixo os amieiros, carballos, freixos, abeleiras foi agradable, pasando polas numerosas levadas das que daban conta os numerosos muíños do lugar.


Ao chegar á desembocadura subimos polo Tea até o Castro de Angoares. Ponteareas estaba a tiro de pedra, pero moitos dos visitantes descoñecían que alí houbese un castro. Foron numerosas as preguntas que contestou Rafa Gutiérrez, ao pé do foxo do Castro, un exemplo do esforzo das sociedades da época.


Logo, de camiño á Igrexa pasamos xunto a tres petos de ánimas, deténdonos no último, no de A Abelleira, un peto sen dúbida singular polo que recolle a súa iconografía.


Xa era hora de rematar, logo de chegar de novo á Igrexa. Xa estamos traballando no próximo Debrúzate, en Xullo, para volver, despois de descansar en Agosto, en Setembro.

No hay comentarios: