martes, 15 de julio de 2008

Debruzámonos a Troña

A visita guiada ao Castro de Troña estaba claro que era apetecible. Foi o primeiro roteiro monográfico que facíamos, mesmo un domingo pola mañá, pero a resposta do público, foi, como o de até agora, moi positiva. Ducias de persoas acercáronse a descubrir unha xoia do castrexo galego, primeiro á charla e logo ao Castro, subindo polo via crucis (pero non de xeonllos!)


A charla, magnificamente guiada por Rafa Gutiérrez, abriu boca do que nos esperaba no cumio do monte. Un castro de medias dimensións con lugares realmente sorprendentes, como as escaleiras das pequenas rúas, o petroglifo, ...


Descubrimos tamén a lenda da serpe de Troña, acercámonos a un xeito de vida difícil de imaxinar, fai máis de 2000 anos. Intentamos trasladarnos ao tempo no que non había especies alóctonas que dificultasen a privilexiada visión que dende o Castro tiñan os seus moradores. Preguntamos que comía esa xente, como vivía, como eran as súas casas, se eran uns pobos combativos ou non, ...


En definitiva, acercámonos a unha cultura que deixou unha considerable pegada na nosa Terra e que aínda hoxe podemos desfrutar, cando non, literalmente descubrir.


Agora Debrúzate esperará ao Outono para retomar os roteiros guiados por outros lugares, por outras parroquias de Ponteareas, para descubrir o noso patrimonio natural e cultural.


Contamos contigo!!



No hay comentarios: