domingo, 17 de mayo de 2009

Nota de prensa sobre o Debrúzate a Ribadetea

Nota de prensa, 16 de maio de 2009

A ORGANIZACIÓN TEN XA PREVISTOS OS PERCORRIDOS DE XUÑO E XULLO
O Castro da Croa e o Río Tea en Ribadetea serán o destino do próximo Debrúzate

As asociacións Adenco, Galiza Nova e MZS organizan un novo roteiro dentro do programa Debrúzate, que se desenvolverá o próximo sábado 23 de maio, con saída ás 16:00h da Estación de Autobuses de Ponteareas, ou ás 16:30h no Campo de Fútbol de Ribadetea.
O Castro da Croa está ás beiras do Río Tea e conta cunha estructura singular e pouco habitual, ao atoparse fortificado con paredes de máis de 25 metros de altura. Semella unha torre no medio do monte, franqueado por un dos seus ventos polas augas do Tea.

Este asentamento castrexo, descoñecido por moitos, atópase sen excavar e está rodeado, á súa vez, polos restos dunha explotación aurífera romana, da que quedan restos evidentes.

O percorrido é de dificultade baixa e durante a súa execución daranse as oportunas explicacións polo arqueólogo e socio de Adenco Rafael Gutiérrez. A pouca dificultade e a lonxitude do percorrido fano apropiado para nenos e maiores.

CALENDARIO DE DEBRÚZATES
A organización de Debrúzate xa ten datas para as dúas próximas citas. Serán o 20 de xuño, día no que se visitará o Castro de Fozara e a zona das Pías do Río Tea, conxugando o patrimonio castrexo e a Rede Natura 2000, e o 19 de xullo, co maior Debrúzate até o momento, partindo de Ponteareas e rematando en San Cibrán, onde organizará un xantar popular, con 14 quilómetros de extensión, visitando as parroquias de Angoares, Moreira e Cristiñade.

Galiza Nova, MZS e Adenco deseñan así un programa de actividades para os próximos meses que intenta, na medida das posibilidades dos organizadores, suplir a carencia de actividades lúdicas e culturais no Concello de Ponteareas, ao tempo que se pon en valor o noso patrimonio, en todas as súas vertentes.

No hay comentarios: