jueves, 8 de enero de 2009

Inauguración dos Muíños de Couso

Por alí fixemos un Debrúzate. Agora toca o acto oficial. Se queredes participar, estes son os horarios:

DOMINGO 11 DE XANEIRO DE 2009

10:30h.- Presentación e intervencións das autoridades

11:30h.- Visita guiada aos muíños

13:00h.- Aperitivo e viño

ORGANIZA: ASOCIACIÓN CULTURAL SAN MARTIÑO DE COUSO

lunes, 5 de enero de 2009

Chan do Campo do Mouro, Guillade

Horarios definitivos:

Ás 15:45h, na Estación de Autobuses de Ponteareas
Ás 16:00h, percorrido guiado pola necrópole megalítica da Chan do Campo do Mouro, en Guillade.

Debrúzate con nós!

viernes, 2 de enero de 2009

Debrúzate a Guillade, sábado 10 de Xaneiro


O próximo sábado 10 de Xaneiro terá lugar o primeiro Debrúzate do 2009, á parroquia de Guillade, rica en patrimonio cultural, inmaterial e natural.

En Guillade volveremos ao mundo megalítico, visitando un impresionante campo de mámoas, pouco coñecidas, pero que nos acercaran a unha forma de vida que deixou a súa pegada nas nosas terras con estas tumbas comunais case descoñecidas.


O punto de encontro será a estación de autobuses de Ponteareas ás 16:00h, para dirixirnos a Guillade a continuación.


Esperámoste!


Adenco, Galiza Nova e MZS

lunes, 22 de diciembre de 2008

Boas Festas, bo 2009, bos debrúzates!!


Desde os colectivos que organizamos Debrúzate, desexámosche unhas felices festas para ti e para a túa familia!
Bo 2009!!!


Vémonos nos Debrúzates!!


Adenco, MZS e Galiza Nova

martes, 18 de noviembre de 2008

Os muíños xiraron en Couso


O pasado sábado os muíños volveron a xirar nunha preciosa tarde en Couso. Desfrutamos dunha fantástica visita guiada a un muíño case único, cun rodicio vertical de case catro metros de diámetro e que se puxo en funcionamento para nós durante a visita. É o muíño da molinera.


Queremos darlle ás grazas publicamente á Asociación Cultural San Martiño de Couso polo bo trato recibido e o tempo que invertiron en nós, ensinándonos todo o que levan feito no lugar. Grazas!


Os restantes muíños tamén foron visitados e desfrutados, para rematar coa subida ao Castelo, en Cans, onde puidemos imaxinar o castelo que noutro tempo houbo alí e contemplar o Aloia, o Galleiro e o Galiñeiro. Impresionaba a beleza do atardecer ao lado do famoso penedo do pianista.


E agora xa estamos traballando no seguinte, seguramente ao campo megalítico de Guillade-Ponteareas.


Consulta o blog nos próximos días para manterte informado.

miércoles, 12 de noviembre de 2008

Horarios do Debrúzate a Couso

Xa temos os horarios definitivos do Debrúzate a Couso.
Teremos dous puntos de encontro, con media hora de diferencia. Como agora os días son moito máis cortos, os horarios adiántanse algo.

Ás 15:30h na Estación de Autobuses de Ponteareas, para os que non teñan coche e para compartilo e non levar demasiados vehículos.

Ás 16:00h nos Muíños de Couso, lugar de partida da actividade.

Vémonos no Debrúzate!

jueves, 6 de noviembre de 2008

Debrúzate a Couso. 15 de Novembro

O próximo sábado 15 de Novembro reiniciaremos os roteiros encadrados en Debrúzate. Desta vez, logo de verán e comezando esta nova tempada, visitaremos Couso, un barrio con entidade propia dentro de Guláns.
Desfrutaremos, como sempre, da natureza e do noso patrimonio, visitando os muíños recén rehabilitados no lugar, nun fermoso regato na zona.
Estade atentos que nos próximos días colgaremos os horarios da actividade.

martes, 29 de julio de 2008

Descansando no verán...


Imos a deixar pasar estes días de calor (ou iso era antes e agora pode ser que chova ou faga frío?) para volver con máis ganas aínda en Setembro. Estamos, pese ao calor, traballando en novas iniciativas, en roteiros máis interesantes se cabe, máis novidades de cara á próxima tempada de Debrúzate.

Esperamos e desexamos que aproveites o verán para coñecer os nosos fermosos lugares, a nosa paisaxe natural e cultural e que non faltes ás próximas edicións.


Contamos contigo. Debrúzate con nós!!

martes, 15 de julio de 2008

Debruzámonos a Troña

A visita guiada ao Castro de Troña estaba claro que era apetecible. Foi o primeiro roteiro monográfico que facíamos, mesmo un domingo pola mañá, pero a resposta do público, foi, como o de até agora, moi positiva. Ducias de persoas acercáronse a descubrir unha xoia do castrexo galego, primeiro á charla e logo ao Castro, subindo polo via crucis (pero non de xeonllos!)


A charla, magnificamente guiada por Rafa Gutiérrez, abriu boca do que nos esperaba no cumio do monte. Un castro de medias dimensións con lugares realmente sorprendentes, como as escaleiras das pequenas rúas, o petroglifo, ...


Descubrimos tamén a lenda da serpe de Troña, acercámonos a un xeito de vida difícil de imaxinar, fai máis de 2000 anos. Intentamos trasladarnos ao tempo no que non había especies alóctonas que dificultasen a privilexiada visión que dende o Castro tiñan os seus moradores. Preguntamos que comía esa xente, como vivía, como eran as súas casas, se eran uns pobos combativos ou non, ...


En definitiva, acercámonos a unha cultura que deixou unha considerable pegada na nosa Terra e que aínda hoxe podemos desfrutar, cando non, literalmente descubrir.


Agora Debrúzate esperará ao Outono para retomar os roteiros guiados por outros lugares, por outras parroquias de Ponteareas, para descubrir o noso patrimonio natural e cultural.


Contamos contigo!!